• galego
  • Español

A xornada técnica que a Asociación Agraria de Galicia organizou en Melide pechouse cun importante éxito de participación

Cun gran éxito de participación pechouse a xornada técnica que a Asociación Agraria de Galicia organizou hoxe no Hotel Carlos 96 de Melide. En horario de mañá e tarde os ponentes analizaron algúns dos temas que máis afectan aos gandeiros e agricultores: o programa Leader, a PAC e o futuro do sector forestal e do lácteo.

Abriu a xornada o subdirector de Relacións cos Grupos de Desenvolvemento Rural de AGADER, Javier Blanco, cunha ponencia titulada “Axudas de AGADER para proxectos no rural no marco do novo programa Leader 2014-2020”. Dentro da súa intervención, Blanco Carballal destacou que “nos dous primeiros meses do novo período do programa Leader presentáronse máis de 800 proxectos. Para entender a importancia desta cifra, debemos ter en conta que son un tercio do número total de solicitudes que se presentaron nos seis anos do período anterior”.

Continuando coa análise estadística, o representante de AGADER asegurou que “dende 2017 ata 2020 o Leader contará cunha media de axudas públicas anuais superiores aos 15 millóns de euros. Unha aposta forte e decidida para avanzar no desenvolvemento rural de Galicia”.

En dous meses presentáronse máis de 800 proxectos para o programa Leader, un tercio das solicitudes recibidas nos seis anos anteriores

A importancia das SOFOR

A xornada continuou coa conferencia do director xeral de Ordenación e Producción Forestal da Xunta de Galicia, Tomás Fernández-Couto, quen centrou a súa ponencia en explica-la estratexia que seguirá a Consellería do Medio Rural no ámbito forestal. “Ademais das líñas tradicionais de xestión, estamos apostando por unha serie de actuacións que combatan a excesiva división da propiedade en Galicia. Unicamente agrupando a xestión forestal conseguiremos que o sector sexa viable. Só dese xeito lograremos a sostenibilidade económica, social e medio ambiental do aproveitamento forestal. Para elo, a Xunta está apostando fortemente polas SOFOR, as Sociedades de Fomento Forestal”.

Dentro das diferentes prantacións que se poden facer en Galicia, Tomás Fernández-Couto destacou a importancia dos castiñeiros. Neste momento, os soutos ben coidados están aportando aos seus propietarios un beneficio de entre 6.000 e 8.000 € por hectárea. “Por iso –sinalou o director xeral-, a Xunta está ofrecendo liñas de axuda para a prantación de castiñeiros para froito”.

O futuro da PAC

Tras o almorzo buffet servido nunha sala do Hotel Carlos 96, tomou a palabra o director xeral de Produccións e Mercados Agrarios do Ministerio de Agricultura, Pesca, Alimentación e Medio Ambiente, Fernando Miranda. O alto cargo do MAPAMA centrou o seu discurso no reglamento “Omnibus” e nas propostas de modificación máis importantes que ofrece. Entre outras, as relacionadas cos pagos directos, coa organización comun dos mercados agrarios e cos instrumentos de xestión do risco nos programas de desenvolvemento rural.

Miranda Sotillos tamén fixo referencia ao “Brexit”, indicando que “seguramente, os orzamentos da Unión Europea veranse seriamente afectados a partir de 2020”.

Mesa redonda

Para pechar esta intensa Xornada Agraria tivo lugar unha mesa redonda sobre “O futuro do sector lácteo”. O debate estivo moderado polo presidente da Asociación Agraria de Galicia e vicepresidente de ASAJA, Francisco Bello.

Para analiza-los problemas aos que se enfrontan e aos que se terán que enfrontar os profesionais gandeiros nos próximos anos, os asistentes puideron escoitar a opinión dalgunhas das voces máis autorizadas do sector lácteo en España. Son as seguintes:

  • O director xeral de Produccións e Mercados Agrarios do MAPAMA, Fernando Miranda Sotillos
  • O subdirector xeral de Explotacións Agrarias da Consellería do Medio Rural, Nicasio Mejuto Martí
  • O director xeral de CLUN (Cooperativas Lácteas Unidas) e de FEIRACO S.C.G., José Luis Antuña Álvarez
  • O vicepresidente da Organización Interprofesional Láctea (INLAC), Ramón Artime
  • O presidente de Melisanto S.C.G. e secretario de CLUN, Pablo Costoya Varela

Mostrando unha visión moderadamente optimista, tódolos intervintes mostraron a súa total confianza en que “Galicia seguirá sendo un referente na producción de leite”. A partir de aquí, a maioría coincidiron na necesidade de “apostar pola transformación, pola elaboración de productos de maior valor engadido, polo cooperativismo e por conseguir reducir os costes de producción, de cara a aumentar os marxes de beneficio”.

Clausura

Na clausura da xornada, na que interviú o director territorial de CaixaBank en Galicia, Marc Benhamou, o presidente da Asociación Agraria de Galicia, Francisco Bello, agradeceu a colaboración da Consellería do Medio Rural, do MAPAMA, FENIL, CLUN e ASAJA; e o patrocinio de CaixaBank, “sen os que sería imposible conseguir reunir un grupo de ponentes e expertos tan importante coma os que aparecen no programa”.